Introdución á Lingua Dástmea

 

Por que e para que crear unha ideolingua?

 

Existen infinidade de motivos polos que crear un idioma, tantos como número de persoas que chegan a penetrarse nesa eterna "aventura" de completar un idioma intelixente, útil, sen caer na desesperación e no desánimo, pero que por desgraza, na maioría dos casos, carece de razóns que xustifiquen ese gran traballo que supón completar un idioma propio, e unha dedicación de tantos anos, sen a axuda dunha comunidade de persoas que lle dea vida día a día, que o evolucione utilizándoo na cotidianidade.

Pero en verdade, no caso do Dastmen, non consiste nunha aposta persoal, nin un desafío, nin tan sequera un pasatempos, senón en algo que xorde como un xogo de nenos e comeza a desenvolverse dunha forma incrible, case automática, coma se cada palabra do seu amplo léxico xa existise anteriormente, e todas e cada unha delas encaixasen finalmente nese gran crebacabezas.

Algúns poden pensar que crear un idioma é sinxelo, aínda que laborioso, pero realmente é o equivalente a estudar dez idiomas totalmente diferentes á perfección. Memorizar palabras é máis fácil que producilas, derivalas, adaptalas e globalizalas en conxunto... non só crear un idioma artificial, senón tamén a súa propia etimología. Elaborar regras gramaticais que faciliten a expresión, o entendemento, que abrevien as frases e eviten as fusións malsonantes. Adaptar as sinonimias e antonimias, evitar a homonimia encadeada, e sobre todo, manterse a unha certa distancia da lingua materna para poder perseverar a autenticidade da ideolingua.

 

Para que serve unha ideolingua?

 

Durante vinte e tres longos anos mantiven no anonimato a existencia do meu idioma, ata que me dei conta que tanto esforzo valería a pena expor publicamente e divulgalo, algo que foi posible grazas á axuda desinteresada dos meus familiares, amigos e colaboradores. A data de hoxe, varios anos despois da súa publicación, en 2005, podo ter o inmenso orgullo, e gratificante recompensa, de coñecer a persoas a través da miña propia ideolingua, que posúen amplos coñecementos da mesma, e á súa vez divúlgana, fazendo cada día máis grande a nosa comunidade.

Neste momento , crear un idioma co único propósito de utilizalo como lingua auxiliar internacional, é totalmente unha utopía, algo que quizais, hai tan só un século, cando o mundo non estaba tan globalizado como na actualidade, era posible ou polo menos considerable, como ocorreu co Esperanto, entre outros. Existen milleiros de idiomas naturais -desgraciadamente, moitos deles van desaparecendo case a diario- e xa dispomos de idiomas que en moitos países son considerados como auxiliares -é o caso do inglés, do español, o francés, o alemán...- A ideoloxía das linguas auxiliares artificiais é bastante coherente, xa que se tenta compartir un mesmo idioma entre todas as culturas, razas e nacións, sen que este represente a unha cultura ou país en concreto, como ocorre cos idiomas naturais, pero no século XXI o que realmente importa é a comunicación global, canto máis fácil e cómoda sexa, mellor, e o inglés, a parte de pertencer a países economicamente potenciais, gaña vantaxe no proceso de expansión a outras linguas máis complexas como o español e o alemán, e moito máis, a linguas maioritarias como o chinés, o hindi ou o árabe.

Resumindo: aprender un idioma artificial significa pertencer a unha comunidade, nalgúns casos grandes, aínda que a maioría sexan bastante reducidas, onde se comparte a afección a unha lingua, á súa aprendizaxe e perfeccionamento, aos costumes que se establezan entre os membros. Existen infinidade de idiomas artificiais cotidiáns... na informática, nos móbiles, videoxogos, entre amigos, familiares... o número de falantes é o que os distingue entre os idiomas considerados naturais, aqueles que evolucionan día tras día, algo case imposible nunha comunidade excesivamente pequena.

 

O Dastmen en cifras

 

A lingua dástmea consta en total cun léxico de 386.912 vocábulos rexistrados.

Carece de conxugacións verbais, excepto no verbo trnu (ser ou estar), que conxuga só o presente do indicativo. O Dastmen posúe un derivado lingüístico, chamado Dasto, que posúe dúas declinacións verbais -e e-u, sufixos que foron mantidos nos infinitivos dos verbos dástmeus, pero sen as súas correspondentes conxugacións.

O número e tempos verbais reflíctense a través dos pronomes persoais, que se fusionan entre eles resultando un total de 68 pronomes persoais propios. A estas fusións pronominais axústanselles os sufixos correspondentes aos distintos tempos verbais (do indicativo: pretérito e futuro imperfectos e o presente do subxuntivo). A parte, posúe partículas para formar o condicional, o pretérito perfecto -participio- e o xerundio.

O Dastmen posúe o seu propio alfabeto, Dactmu Helsfuna, composto por 35 letras ou signos (chamados grafos) e doutra banda, dispón da súa transliteración adaptada ao alfabeto latino, Dactmen VT, cun total de 30 letras, entre as cales se utilizaron letras bálticas (ć, č, đ, š...) e nórdicas (å) para a perfecta adaptación da fonética cos seus correspondentes grafos.

 

Alfabeto Dactmen VT

A a - Å å - B b - C c - Ć ć - Č č - D d - Đ đ - E e - F f - G g - H h - I i - J j - K k

L l - M m - N n - O o - P p - R r - S s - Ś ś - Š š - T t - U u - V v - X x - Z z - Ž ž

 

Existen grafos, denominados consonántico-compostos, que representan o son correspondente á unión de dúas consonantes ( mm, kl, nn, kk e cz).

 

Subir